Un foro xornalístico de comunicación universitaria e globalización do coñecemento reúne máis de 60 participantes na USC

Información
Periodísticas y ruedas de prensa 14 Octubre 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

Un foro xornalístico sobre comunicación universitaria e globalización do coñecemento cita esta semana uns 60 participantes na USC, onde profesionais da comunicación procedentes de toda España e vinculados á Asociación Universitaria de Profesionais dos Gabinetes de Comunicación das Universidades e Centros de Investigación de España (AUGAC) debaterán durante dúas xornadas sobre cuestións de actualidade ligadas á comunicación institucional nun contexto global

Este encontro de traballo de periodicidade anual e sede itinerante por todo o territorio español, terá como escenario este xoves e venres -a terceira vez en 26 edicións- a institución académica compostelá. A USC, que comparte a organización desta reunión de traballo coas tamén universidades galegas de Vigo e A Coruña, está implicada na elaboración dun programa de carácter participativo e aberto, no que intervirán preto de vinte relatores.

Este foro profesional pretende ser un espazo de encontro e intercambio desde a perspectiva teórica e práctica da comunicación universitaria e institucional. Daquela, as persoas participantes terán a oportunidade de relacionarse con expertos nestas cuestións, procedentes das propias universidades e tamén dos medios de comunicación.

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, inaugurar este xoves 15 de outubro, a partir das 10.00 horas, este encontro de profesionais ligados aos gabinetes de comunicación institucional, cuxos relatorios e mesas de debate se desenvolverán en quenda de mañá no compostelán Colexio de Fonseca.

A análise do cometido que desenvolven a literatura o xornalismo cara a difusión do coñecemento centrará a temática da primeira sesión deste foro, na que intervirán como relatores os escritores e xornalistas Alfons Cervera, Gerardo González de Vega e Pedro Ugarte Tamayo. A vicepresidenta da Augac, Mariola Conde Casado, actuará de moderadora.

Ao remate desta sesión, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, José Pereira Fariña, moderará a mesa de debate co título ‘Os medios tradicionais e o seu papel na difusión do coñecemento. Intervirán como relatores os xornalistas Juanjo Becerra, de El Mundo; Tamara Montero Barreiro, de La Voz de Galicia; Xavier Cea Otero, subdirector de El Correo Gallego; Selina Otero Verdes, de Faro de Vigo; Mar Martínez Louzao, de El Progreso, e Cristina Huete, de El País. Xa en quenda de tarde, as persoas inscritas poderán participar nunha visita á sede de Inditex, en Arteixo, así como nunha posterior recepción institucional no concello de A Coruña.

A función das televisións rexionais europeas como canle de proximidade para divulgar coñecemento e a linguaxe da experiencia na comunicación universitaria serán as dúas grandes áreas temáticas obxecto de debate e análise nas sesións programadas na xornada do venres, que tamén se desenvolverán no Salón Nobre de Fonseca.

A xeito de colofón, as persoas participantes nesta reunión de xornalistas de gabinetes de comunicación universitaria e centros de investigación españois poderán completar a pé o sábado 17 un treito do Camiño de Santiago.{jcomments on}